miércoles, 22 de septiembre de 2010

LUSITANO DE ARGOS

Historias galegas nas mil vidas de Pessoa

Un tataravó, un amigo, algúns volumes da súa biblioteca. Son pequenos fíos que unen a Fernando Pessoa con Galicia e tecen unha relación chea de curiosidades sobre a que se detén Carlos Taibo nun dos capítulos da súa última obra, adicada ao autor portugués. Vén Taibo de dar ao prelo un libro sobre o argalleiro dos heterónimos baixo o acaído título dunha ilusión: Parecia não pisar o chão, co que o politólogo se afasta das súas temáticas habituais para ofrecer unha mestura de ensaio e biografía arredor do escritor.

      Alfredo Guisado, amigo do escritor, relacionouse coa Xeración Nós O tataravó do autor, militar de profesión, nacera en Cando na Serra de Outes

      "Atráeme de Pessoa a súa renuncia á vida por unha obra pola que só sería recoñecido despois da súa morte", sinala Taibo, quen afirma nas primeiras páxinas do libro sentirse fascinado pola figura do portugués. O seu obxectivo con este feixe de trece ensaios breves é ofrecer unha visión de Pessoa afastada da crítica literaria para centrarse na dimensión humana do escritor, dende a súa relación con Ofélia Queirós -"o único aspecto que parece plenamente humano en Pessoa", en palabras de Taibo- ata o devir da súa rutina cotiá na Lisboa de principios do século XX.

      Será precisamente nesta vida de cafés e literatura onde establecerá Fernando Pessoa o seu principal lazo con Galicia, a súa amizade con Alfredo Guisado. Fillo de galegos emigrados a Lisboa e propietarios dun restaurante na praza do Rossio, Guisado -poeta, xornalista e político-, foi un dos membros fundadores, en 1915, da revista Orpheu, fugaz voceira dunha brillante xeración poética da que el, falecido en 1975, sería o último supervivente.

      Alfredo Guisado é aínda, explica Taibo, "unha figura por estudar". Á súa obra en portugués, que comparte trazos literarios coa de Pessoa e outros destacados poetas do modernismo luso como Sá-Carneiro ou António Ferro, hai que sumar a publicación dun breve poemario escrito en galego, Xente d'a Aldea, que adicou a Castelao.

      Ademais do seu papel protagonista na efervescencia vangardista da Lisboa republicana, as súas continuas viaxes a Galicia levaron a Guisado a converterse, conta Taibo, no "enlace de Portugal coa Xeración Nós e a intelectualidade galega de principios do século XX".

      No ensaio apúntase a posibilidade de que Pessoa, a través do seu amigo, tivese lido a revista Nós e a Teoría do nacionalismo galego de Risco. O que si parece seguro é que o escritor coñecía a obra de Rosalía, e mesmo se atopou un exemplar de Follas Novas na súa biblioteca. Tamén posuía Pessoa unha obra de Eduardo Dieste entre os seus libros.

      As imaxinativas historias urdidas constantemente polo escritor arredor dos seus heterónimos -as múltiples personalidades nas que o finxidor desdobrou a súa creación literaria- deixaron outra anécdota, recollida por Taibo, que converteu por unha vez a un deles, Alberto Caeiro, nun poeta galego.

      Coa idea de enganar ao seu amigo António Ferro e evitar que descubrise a verdadeira identidade tras a que se agochaba Caeiro, Pessoa ideou un encontro do seu heterónimo con Alfredo Guisado. Guisado enviou entón unha carta dende Galicia na que daba conta do seu achado en Mondariz do mestre inxenuo dos heterónimos pessoanos.

      Así de elaboradas eran as fabulacións do poeta sobre as súas vidas ficticias, un coidado que tamén aplicou ao estudo da súa propia árbore xenealóxica. É por iso polo que Taibo cre "seguro" que o escritor tiña coñecemento dos seus devanceiros galegos. Un dos tataravós de Pessoa por liña materna - capitán comandante e sarxento maior graduado-, nacera, segundo varios indicios, en Cando, no concello da Serra de Outes.

      O interese de Taibo recae tamén nas opinións do escritor portugués sobre a realidade galega. Nos seus textos políticos, Pessoa "refírese ao que chama 'Estado natural galaico-portugués' en varias ocasións", subliña, para pór de manifesto que o poeta mantiña "un proxecto histórico" ao respecto.

      A análise das opinións políticas do escritor leva a Taibo a desmontar un dos tópicos que pesan sobre a figura de Pessoa: "Non considero que fose un conservador, eu defínoo coma un diletante que foi republicano durante a monarquía, monárquico na República e anarquista nun goberno autoritario".

      Esta incursión na literatura non supón, entende o politólogo, unha ruptura total coas súas liñas de traballo anteriores. "Procuraba novas canles para estudar a condición humana e a súa inserción no mundo. Ese é o obxecto do meu estudo. E a vida de Pessoa exemplifica un camiño moi interesante".

      (Fernando Pessoa desdoblado en más de cuatro heterónimos, autor de una novela arrebatadora desde su título, El libro del desasosiego, autor de unos diarios que nadie conoce en mi ciudad, eco de un eco materializado en sucesivas ediciones y con nombres tan seductores como Álvaro de Campos, Ricardo Reis, Alberto Caeiro, Bernardo Soares. Presa de un premio Nóbel de Literatura, para más señas lusitano y muerto hace semanas, motivo de montajes escènicos de alemanes y mexicanos. Pessoa, motivo de múltiples desasosiegos que habitan en sus lectores. El ensayo de María Rodiño apareció en el suplemento Babelia del diario El País. UM)

      No hay comentarios: